quarta-feira, novembro 14, 2007

Myanmar - Birmânia ...texto de Laudelino Pellitero

Sen revolución, nin azafrán

Houbo un tempo, non moi lonxincuo, alá polos anos 20 do pasado século, no que a antiga Birmania colonial británica, era un países máis ricos de Asia.

Tras dun século, Birmania , hoxe Myanmar, carga coa insoportábel lousa de ser un dos estados menos desenvolvidos do mundo, cunha renda per cápita que a penas supera os 1000€ anuais. As estatísticas da OMS outórganlle a negra honra de ter os peores servizos Sanitarios do mundo con medio millón de infectados de SIDA e seiscentos mil de malaria. No IDH (Índice de Desenvolvemento Humano) figura no lugar 131 de 175 países.

Por tanto, cohabitan suficientes causas estruturais, para que prenda a mecha dunha revolución. Pero non semella que a denominada Revolución Azafrán sexa a que mude arestora o curso da historia.

Nun país tan atomizado étnica, política e territorialmente, o budismo é o único elemento trasversal de cohesión real. Nel Profesa o 89% da poboación, contra tan só un 4% de musulmáns ou cristiáns. Paradoxalmente, nun informe oficial da Nacións Unidas (2006), os monxes budistas protagonistas da “Denominada Revolución do Azafrán” eran situados nunha cómoda hibernación, baixo o manto do goberno militar que pretendía a súa instrumentalización.

Tamén podería funcionar como aglutinante a etnia maioritaria os Burneses, que deron nome ao país “Burna” entre 1962 e 1988, e representan o 68% da poboación, pero fracasaron estrepitosamente no intento de diluír as outras grandes minorías: Shan 10%, Karen 7%...


O Budismo foi o ingrediente vernáculo e diferencial que a vía Burmana do socialismo aportou no período 1962- 1988, durante a vixencia da República Socialista da Unión de Burna. Os outros dous ingredientes: nacionalismo ou socialismo xa formaban parte das receitas clásicas.

Múltiples causas teñen empurrado aos monxes á rúa. Algunhas estruturais como:
O esmagamento sistemático das minorías étnicas. Calquera manifestación, pacífica ou armada, foi considerada como un atentado á seguridade nacional. Solucionada coa mesma fórmula chea de represión. Aínda que esta formula exisise que o gasto militar fose un 264% superior ao gasto en Sanidade e Educación. Unha das peores ratios do mundo
A falta dun estado de dereito. Carece de constitución ou utiliza a do 74 dun réxime militar ao que derrocaron militarmente.
A imcompetencia manifesta no goberno demostrada nunha nefasta xestión económica e nun ambiente de corrupción xeneralizada que sitúan a Myanmar no lugar 163 de 167 países analizados por Transparency International
Outras moitas conxunturais como: A crise bancaria do 2003 e atinxiu a 20 bancos e provocou o pánico social. A multiplicación do prezo dos combustíbeis por oito no outono de 2005. A conxelación de salarios en medio de inflación descontrolada.
O último detonante foi a nova suba dos carburantes, que rebentou toda a paciencia acumulada durante décadas.
Pero os monxes carecen de estrutura de resistencia, organización clandestina, de líderes sociais, de programa reivindicativo e de alternativa de goberno. A oposición democrática está, perseguida, exiliada e debilitada. Os movementos polos dereitos das minorías ou foron aniquilados ou pactaron unha Pax Romana. Os sectores militares moderados ou negociadores están apartados ou detidos.
A propia líder do NLD, en arresto domiciliario, a opositora Aung San Sun Kyi, filla do mítico líder da independencia Aung San, que promovía a “unidade na diversidade”, é cuestionada en medios opositores pola súa ineficaz estratexia de desgaste da única xunta militar que perdura no mundo.

Nas actuais circunstancias, a única institución que domina Myanmar é un exército, que non permite que agrome a revolución azafrán. Máis tolerante se mostra con outras plantacións como as do opio que nutren as redes da corrupción cunha forza suficiente para disputarlle a Afganistán a primacía mundial da produción.

Laudelino Pellitero
Presidente do IGADI
voltar ao topo da página